22/4/10

Roteiro pola cidade de cristal


Iniciamos o noso percorrido nos Xardíns de Méndez Núñez, chamados tamén Paseo do Recheo. Foron proxectados por Narciso García de la Torre en 1868. En 1871 recibiron o nome de xardíns de Méndez Núñez. Acollen numerosas esculturas e un orixinal palco da música. Destacan as distintas especies arbóreas e os nobres edificios que franquean o paseo propiamente dito do Recheo, con 59 palmeiras.

Estamos situados na Rosaleda, diante do monumento a Aureliano Linares Rivas, obra de Agustín Querol. Linares Rivas é o cidadán que máis recoñecementos ten na Coruña. Naceu en Santiago. Foi deputado, ministro conservador da Restauración e destacado valedor da cidade. Coroando o monumento, unha figura feminina suxeita nas mans un libro no que aparece a palabra “Patria”. Dende aquí podemos observar a Praza da Mina e o inicio da rúa Juana de Vega. Lembrámonos do Xeneral Espoz y Mina, da súa dona, Juana de Vega, dos primeiros xogos florais da Coruña no 1861, do Álbum de la caridad en 1862 e da raíña Isabel II.

Vemos a escultura dedicada a Castelao, obra de Manuel Ferreiro Badía. Castelao é o grande persoeiro de Galicia. Membro fundador do Partido Galeguista en 1931 e autor de Sempre en Galiza. Morreu no exilio bonaerense en 1950. O monumento foi inaugurado en 1986. Na parte posterior ten tallados un hórreo e un cruceiro.

O de Eduardo Pondal é de Fernando Cortés Bugía. Eduardo Pondal Abente, un dos grandes poetas do Rexurdimento galego do XIX. Autor do poema Os pinos, letra do Himno de Galicia. Morreu na cidade en 1917 e está enterrado no cemiterio de San Amaro. No Álbum de la Caridad, 1862, aparece o poema A Campana de Anllóns, de Pondal:

E ti, campana de Anllóns,
que vagamente tocando
derramas nos corazóns
un bálsamo triste e brando,
de pasadas ilusións.
Alá nos pasados ventos
primeiros da miña vida,
oio os teus vagos concertos,
reló dos tristes momentos
da miña patria querida.
¡Cantas veces te lembrou
o que marchou para a guerra,
cando á súa nai deixou,
e partindo a extraña terra
de Baneira de escoitou!
¡Cantas do mar africano,
cautivo bergantiñán,
oio nun soño tirano
o teu tocar soberano,
aló nas tardes do vran!
Cando te sinto tocar,
campana de Anllóns doente,
nunha noite de luar...
rompo triste a suspirar,
por cousas dun mal ausente.
Cando doída tocabas
polas tardes á oración,
campana, sempre falabas
palabras con que cortabas
as cordas do corazón.
Estabas contando ós ventos
cousas do meu mal presente,
os meus futuros tormentos,
que dabas cos sentimentos
según tocabas doente.
Campana, se polo vran
ves lumiar na Ponte-Ceso
a cachela de San Xoán,
dille a todos que estou preso
nos calabozos de Orán.
E a aquela rula inocente
que me morría de amor
no regazo docemente,
tremendo como unha flor
sobre a escondida corrente;
diraslle que unha de ferro
arrastro, rouca cadea,
castigo atroz do meu erro;
e que dentro deste encerro
o seu amor me alumea.
Ei ti, golondrina errante
dos longos campos de Arxel,
se á miña terra distante
te leva o voxo constante
dille o meu penar cruel.
Se alguén por min preguntar,
dille que estou en prisións;
e unha noite de luar
iraste unha vez pousar
no campanario de Anllóns".
Así, triste en terra allea,
aló nas prisións de Orán,
cantaba un mozo de aldea;
e nos grillóns da cadea
levaba o compás coa man.
"Oh, nai da miña vida,
adios, adios, meu pai;
prenda de min querida,
adiós, oh, miña nai:
sombras dos meus avós,
río da Ponte-Ceso,
pinal de Tella espeso...,
acordávos dun preso
como el o fai
de vós:
campana de Anllóns,
noites de luar,
lúa que te pos
detrás do pinar;
adios...
adios...
adioooos...'

O busto de Murguía, de Fernando Cortés Bugía. Manuel Antonio Martínez Murguía, historiador e primeiro presidente da Real Academia Galega. Na placa do monólito observamos a cumprida homenaxe que os galegos da emigración lle dedicaron ao esposo de Rosalía de Castro.

“Queren que empecemos polo estudo do idioma que falamos hai máis de dez séculos. Fan ben: pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto”, pronunciou o 30 de setembro de 1906 o gran concienciador da historia nacional de Galicia, Manuel Murguía.

A carón do estanque dos peixes, o monumento dedicado a Concepción Arenal, de Rafael González del Vilar. Esta ferrolá de berce foi a primeira muller en acudir á universidade. A aguia representa a intelixencia, e vence á serpe que simboliza a incultura e o atraso. O monumento ergueuse en 1916 baixo a iniciativa do Círculo de Artesáns que recoñece o labor desta muller que en 1863 foi nomeada visitadora de prisións de mulleres.

Un pouquiño máis adiante vemos a réplica do monumento orixinal a Emilia Pardo Bazán, de L. Coullaut – Valera. A Condesa de Pardo Bazán foi unha das primeiras españolas en amosar interese no eido dos dereitos das mulleres. Cultivou a novela e o ensaio e de sempre estivo vinculada á súa cidade natal. A obra foi realizada en arenisca. Inaugurouse o monumento sendo alcalde D. Manuel Casás, o coñecido “alcalde xardineiro”. Naceu na Coruña en 1852; faleceu en Madrid en 1921. Trátase da autora de “Los pazos de Ulloa”. A cidade conta coa súa casa museo, sede tamén da Real Academia Galega.

Antes de pasar ao Paseo das Palmeiras (59), detémonos para observar una das árbores non autóctonas que máis abundan na cidade, o Metrosidero. Árbore orixinaria de Nova Zelandia. De madeira moi dura. As súas follas e pólas teñen grande cantidade de pelos. Nos exemplares adultos fórmanse raíces aéreas que penduran ao longo do tronco e pólas principais. O máis antigo da cidade atópase no actual cuartel da Policía Municipal.

Aínda que a nós o que nos conmove é a forza do Piñeiro Bravo, coñecido fóra do país como piñeiro galego. A súa orixe é mediterránea occidental.Ten casca avermellada, grosa e moi fendida. As follas son aciculares e agrúpanse de dúas en dúas. As pinas están suxeitas ás pólas por un curto pedúnculo e están formadas por escamas saíntes. O máis coñecido é o piñeiro marítimo, aínda que hai moitas variedades ao longo de Galicia.

Pasamos agora ao Paseo das Palmeiras. Lembrémonos da Palmeira Canaria, a palmeira datileira procedente das Illas Canarias. Ten o tronco coas cicatrices foliares a xeito de rombo e dispostas de maneira helicoidal. As follas poden chegar a medir ata sete metros. Os seus froitos son de cor alaranxada cando maduran. Na Illa da Gomera extraen o coñecido mel de palmeira.

Detémonos no busto de Suárez Ferrín, de Ramón Conde. Alfredo Suárez Ferrín, último alcalde republicano da cidade, foi fusilado o 31 de agosto de 1936. Tomou posesión por primeira vez no ano 1934. Ten dedicada unha rúa no barrio dos Rosais.

Nos xardíns podemos observar edificios singulares, como por exemplo A Terraza. Construción ecléctica e modernista erguida en 1922, obra do arquitecto Antonio de Mesa. Substituíu outra máis antiga de madeira que se trasladou ao concello veciño de Sada. Acolle as instalacións de Radio Nacional de España. Na parte superior das fachadas pódense observar bustos de persoeiros coruñeses e galegos como Murguía, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e outros.

O Quiosco Alfonso é obra do arquitecto coruñés Rafael González Villar para substituír os antigos locais de refrescos. Proxectado en 1912 e inaugurado en 1913. Robusta edificación en cemento armado e cristal. Presenta unha orixinal ornamentación en ferro fundido da casa Wonemburger. En 1985 foi reformada para acoller a Sala Municipal de Exposicións.

O Palco da música, o orixinal foi construído por José Sellier (que introduciu o cine na cidade en 1897) en 1884 e proxectado por Juan de Ciórraga. O actual é de 1985.

Pero o que máis poderosamente chama a nosa atención é o monumento a Curros Enríquez, de Francisco Asorey, un dos monumentos máis importantes da cidade, o cal demostra a admiración que o poeta espertou na cidade máis liberal e progresista de Galicia. Curros, erguido, mira triunfante. Ten unha lira, símbolo do poeta que ten a misión de abrirlle os ollos ao pobo. Tras del está a imaxe núa de Galicia, e a cada lado, o pobo, as mulleres e os nenos nunha banda, e os homes coas ferramentas na outra. Tras deles, a Galicia megalítica. Na parte posterior, un altar para as ofrendas e as homenaxes. Curros mantivo un vínculo moi significativo coa nosa cidade. Os seus restos mortais foron trasladados á Coruña onde recibiron sepultura nun acto multitudinario.

Aí vén o maio
de frores cuberto...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min extendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e credos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do povo galego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non mo quiten
trabucos e prestemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado haberá entón
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos;
un maio sen segas,
usuras nen preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Pasamos por diante do Obelisco, a zona 0 da Coruña, e adentrámonos pola rúa Real, historicamente o camiño real de acceso á cidade vella. Ten esa denominación por ser rúa principal. Hoxe é rúa peonil e centro dunha das principais áreas comerciais da cidade: Área Obelisco. Nesta rúa estaba situada a imprenta de Ánxel Casal, editor de libros galegos e da revista Nós; fundador tamén da primeira escola en galego para nenos pobres. Tamén está a casa na que o mozo Picasso presentou a súa primeira exposición en 1895.

Pero tamén pasaremos polo actual Café Vechio, lugar onde podemos observar un magnífico mural do pintor surrealista coruñés Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega. Urbano Lugrís tamén estivo vinculado ás misións pedagóxicas, ás que chegou da man de Rafael Dieste.

Na rúa Rego de Auga está o teatro Rosalía de Castro. Ocupa o lugar deixado polo Teatro Novo ou Principal do 1838, que ardera en 1867. Anteriormente ao teatro, neste solar estaba ubicada a igrexa de San Xurxo. O Teatro Rosalía de Castro foi edificado en 1868 cos cartos da póliza de seguros e unha suscrición popular. Foi adaptado para proxeccións cinematográficas en 1905. Hai uns anos que foi novamente reformado e restaurado. A denominación primitiva desta rúa foi a de Rego d’Augoa. Este nome obedeceu a que nun tempo esta rúa recollía todas as vertentes de todas as demais rúas por medio dun rego. Nunha das vellas casas xa derrubadas naceu dona Emilia Pardo Bazán.

Tamén nesta rúa, a noite do dezaseis ao dezasete de maio de 1916, os irmáns Villar Ponte e outros fundaron a primeira Irmandade de Amigos da Fala. Pretendían estudar e dar a coñecer a lingua e cultura galegas e no político, a autonomía de Galicia e o galego como lingua oficial.

Debemos facer referencia ás galerías, á primeira fábrica de vidro plano e, polo tanto, á cidade de cristal. Unha das notas que mellor definen a cidade é precisamente a orixinal e sorprendente solución arquitectónica para protexer do vento as solainas e balcóns característicos da arquitectura popular galega. A primeira fábrica de vidro plano de Galicia fundouse na cidade en 1804. Este feito influíu sen dúbida no espallamento das galerías e na denominación de cidade de cristal.

A Praza de María Pita é cuadrangular e aberta unicamente por un curruncho polo que se accede á igrexa de San Xurxo. O edificio máis singular é sen dúbida o Pazo de María Pita, construción de estilo modernista que acolle as dependencias municipais. Recibe o seu nome de María Fernández de la Cámara y Pita, heroína coruñesa que defendeu a cidade do ataque de Drake no 1589. A estatua central representa este feito histórico. A partir dos deseños de decembro de 1901 do arquitecto municipal Pedro Mariño comezaron as obras do actual concello en 1904 e duraron ata 1918, ano no que se trasladaron as oficinas procedentes do vello convento de San Agustín. Era alcalde da cidade Gerardo Abad Conde. O edificio municipal ten un claro carácter de pazo, a pesar de ser unha obra administrativa e burocrática, adaptando eclecticamente o estilo clásico do renacemento. A súa profusa decoración pretendía dar cumprida resposta ao cosmopolitismo que buscaba a municipalidade.

Dende María Pita vemos a igrexa de San Xurxo. Foi a antiga igrexa dos xesuítas, que tiñan o seu colexio nas dependencias anexas. O templo actual comezou a construírse en 1734. A fachada iniciouse cara ao 1750, obra do arquitecto compostelán Clemente Sarela. En 1836 o antigo convento dos xesuítas acolleu as casas consistoriais e, dous anos máis tarde, a súa igrexa converteuse en parroquia xa que a de San Xurxo demoleuse para construír o actual Teatro Rosalía.

Deixamos xa o antigo Barrio da Pescadería, o lugar de residencia dos mariñeiros, comerciantes, soldados e empregados. Este barrio que a partir do século XVIII creceu considerablemente. Estaba delimitado pola cidade vella e unha muralla que ía dende o Orzán ata a baía, na que destacaban os baluartes defensivos do Caramanchón e o de Malvecín no porto. Estirábase ao longo das dúas vías principais que a cruzaban, a estrada de Madrid e a Avenida de Fisterra. Dentro deste barrio as igrexas de San Nicolás e de San Xurxo constituíanse no verdadeiro centro.
Entramos agora na antiga cidade da Coruña, a cidade vella. Coñecida polos romanos como Brigantium ou Brigancia, unha cidade cun porto que era o centro neurálxico do Portus Magnus Artabrorum. Estaba amurallada e tiña varias portas de acceso. Estaba defendida con varios torreóns, o máis importante era o situado no actual xardín de San Carlos. No seu interior atópanse os edificios máis antigos da cidade. Na actualidade un novo plan de urbanismo pretende lograr a súa axeitada rehabilitación.

Á dereita deixamos a Casa de Emilia Pardo Bazán. É unha construción do século XVIII. Presenta unha sinxela fachada na que destaca un pequeno balcón de moito voo que é soportado por dúas potentes ménsulas e que marca a entrada ao edificio. A casa museo atópase no segundo andar. En 1975 construíuse unha nova 3ª planta para albergar a sede da Real Academia Galega.

Antes de chegar á praza de Azcárraga, pasaremos pola Igrexa de Santiao, templo dunha soa nave (tres orixinariamente) e tres ábsidas. Ten planta rectangular e tres portadas: unha con arquivoltas semicirculares e tímpano esculpido co Agnus Dei; a principal é de arquivoltas apuntadas e tímpano coa figura do Apóstolo Santiago a cabalo. A referencia máis antiga que se conserva da súa construción é o 1217. En 1501 ardeu a súa teitume.

A praza do Xeneral Azárraga débelle o seu nome a este xeneral que sendo ministro da Guerra devolveulle en 1896 á Coruña a Capitanía Xeneral que se trasladara a León. A praza era coñecida como praza da Fariña. Antigamente a praza de Azcárraga comprendía todo o espazo entre Capitanía e a rúa Santiago. En 1936 fragmentouse en dúas: a de Azcárraga e a do xeneral Franco, hoxe da Constitución.Ten un fermoso xardín, con grandes árbores que enmarcan a fonte do Desexo. Na rúa que sae da praza da Constitución e que nos leva á igrexa de Santo Domingo atopamos dúas placas en senllas casas contiguas que nos lembran a estadía de Rosalía de Castro na cidade e a casa Da autora Francisca Herrera Garrido, primeira muller académica da Real Academia Galega.

Imos agora para o Xardín de San Carlos, lugar onde se atopa a tumba de Sir John Moore.A cidade vella formaba toda ela unha fortaleza, xa que estaba rodeada dunha muralla. A muralla integraba incluso o convento de San Francisco e outras construcións que foran derrubadas no asalto á cidade por parte das tropas inglesas ao mando de Drake en 1589 (defensa de María Pita da cidade). No lugar que hoxe ocupa o xardín de San Carlos estaba situada a fortaleza da cidade propiamente dita. Estaba defendida por seis torres. O seu polvorín estoupou o 3 de abril de 1658, provocando máis de 200 mortos e moitos desperfectos nas casas e edificios veciños. No ano 1834, o gobernador da Coruña, don Francisco Mazarredo promoveu o actual xardín de San Carlos, que se converteu no primeiro xardín público moderno da cidade. O nome de xardín de San Carlos provén de don Carlos F. de Croix, marqués de Croix, virrei de México (1699-1786) e Capitán Xeneral de Galicia, xa que foi o primeiro que artellou transformar a antiga Fortaleza Vella en xardín.

As obras proxectadas polo arquitecto José María Noya foron executadas grazas á subscrición pública dalgúns veciños. Naceu coa idea de proporcionar un lugar de paseo para os coruñeses e tamén coa vocación de acoller a Sir John Moore, o xeneral británico de 47 anos que morreu na batalla de Elviña, ou da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809. Ferido de morte en Elviña, foi trasladado á casa número 16 do Cantón Grande, a casa do comerciante Xenaro Fontela. Sobre as dez e media da noite morreu. Foi enterrado no baluarte de San Carlos. No ano 1830 instalouse a arca que contén os seus restos e en 1864 o enreixado que a protexe.

O xardín está dividido en oito cuarteiróns ao redor da tumba do xeneral que se atopa na posición central. Estes cuarteiróns forman sete camiños aliñados con sebes de buxo. A tumba está encadrada por catro olmos, a árbore simbólica da revolución francesa. Tamén se atopan azaleas, camelias, roseiras e outros arbustos e flores. Nos seus inicios servía o lugar de xardín botánico. Na porta de entrada ao xardín atópase a representación das armas do marqués de Croix. Nada máis entrar, á esquerda, no muro, hai unha lápida que reproduce as palabras que Wellington lles dirixiu aos soldados galegos que aliados cos ingleses derrotaron aos exércitos napoleónicos en Arapiles e San Marcial o 31 de agosto de 1813:

Guerreros del mundo civilizado, aprended a serlo de los individuos del 4º ejército que tengo la dicha de mandar: cada soldado de él merece con más justo motivo que yo el bastón de mando que empuño. Todos somos testigos de un valor desconocido hasta ahora. Españoles: Dedicaos todos a imitar a los inimitables gallegos.

Ao seu carón hai outra lápida escrita en inglés que lembra o naufraxio do buque escola Serpent, preto da praia do Trece na Costa da Morte, o 10 de novembro de 1890 (nesa zona da Costa da Morte atópase o denominado cemiterio dos ingleses).

Xunto ao miradoiro do xardín, que nos ofrece unha vista panorámica sobre o porto e o castelo de San Antón, hai unha lápida na que se atopa reproducido un anaco do poema Na tomba do xeneral Sir John Moore de Rosalía de Castro. Tamén se reproducen fragmentos do poeta inglés Charles Wolfe. Entre ambas as dúas, outra que nos informa sobre a data de construción do miradoiro e das placas, feito acontecido en 1927, sendo alcalde da cidade Manuel Casás.

En 1994 inaugurouse unha rúa en honra de Moore, O paseo do Xeneral Sir John Moore, que bordea as murallas do Xardín de San Carlos e o antigo Hospital Militar; é o camiño que as tropas inglesas seguiron para embarcar rumbo ao seu país, logo da Batalla de Elviña ou da Coruña. No ano 2000 plantouse un pequeno gallo dun carballo que Sir John Moore plantara na súa terra, antes de vir a España a loitar contra os franceses.

O 16 de xaneiro de 2004 foi inaugurado no xardín de San Carlos un busto en bronce do xeneral, da autoría do escultor Fernando Groeiro. O xardín de San Carlos segue a ser para os coruñeses e coruñesas o contorno máis romántico da cidade.

Dende o Xardín podemos observar o edificio que acolle a Fundación Luís Seoane. Luís Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires no seo dunha familia de emigrantes galegos. Como pintor expuxo con éxito internacional unha produción moi diversa: gravados, litografías, deseños, óleos, murais, cerámicas, etc. Tamén encontrou oco para o cultivo da literatura, que iniciou en 1952 coa publicación do poemario Fardel de eisilado. En 1979 o intelectual galego-arxentino, membro da Academia de Belas Artes arxentina, morreu na Coruña. Dedicáronselle as Letras Galegas do ano 1994.

A fundación foi creada en agosto de 1996 polo concello da Coruña e Maruxa Seoane, viúva do ilustre poeta e pintor. Conserva esta fundación o grande legado de Seoane: obra gráfica, libros e demais documentos. Nas súas salas tamén se amosan exposicións temporais. O moderno edificio está situado na antiga horta do convento de San Francisco, entre o antigo Hospital MIlitar e o Museo Militar, xusto a carón dos xardíns da Maestranza.

O castelo que alberga o Museo Arqueolóxico construíuse no ano 1528 no lazareto de San Antón. Xunto cos castelos de Santa Cruz e San Diego (hoxe desaparecido) formaba o triángulo defensivo da cidade. A casa do gobernador foi construída en 1776/77. Durante os séculos XVIII e XIX foi utilizado como presidio e en 1960 foi declarado sede do museo arqueolóxico. A casa do boteiro foi restaurada en 1994 e alberga a biblioteca e as salas de investigación do museo.

O Museo Militar Rexional atópase situado xusto enfronte do Xardín de San Carlos. Foi inaugurado o día 1 de decembro de 1986. É un dos poucos que hai en España e conserva armas, escudos, gravados, canóns e pezas de artillería. Ten algunhas pezas curiosas coma o mosquetón do guerrilleiro Foucellas.

Se nos queda tempo podemos ir á igrexa de Santo Domingo. Existiu extramuros da cidade unha igrexa de Santo Domingo de estilo románico que foi destruída no ataque de Drake á cidade en 1589. A actual iniciouse en 1762. Foi proxectada polo dominico Frei Manuel dos Mártires. É de estilo barroco e ten unha torre de aparencia un pouco rara xa que non está situada a pano coa fachada. No interior atopamos o retablo churrigueresco da capela da Virxe do Rosario, patroa da cidade.

Na Praza de Santo Domingo, praciña de singular engado situada fronte á igrexa onde se venera a patroa da cidade, a Virxe do Rosario,o son que produce a súa fonte cantareira dálle un aire de paz e tranquilidade a este recuncho moi apreciado polos veciños.

Camiñando un pouco máis, logo de pasar pola casa museo de María Pita, chegamos á igrexa de Santa María do Campo, templo de orixe románica que se construíu na segunda metade do século XII. Sufriu varias reformas ao longo dos séculos. A última no ano 1945.

Orixinariamente era un templo dunha soa nave e ábisda semicircular. No ano 1302 iniciáronse as obras de ampliación construíndose as tres naves actuais. Sobre o muro da fachada principal había dúas torres, a carraca (sen rematar) e a das campás. É coñecida popularmente co nome de “Colexiata”, por ser sede do máis alto cargo eclesiástico da cidade.

Xusto enfronte da igrexa de Santa María está o Pazo de Xosé Cornide, este nobre caserón onde naceu en 1734 o xeógrafo e historiador José Cornide Saavedra. Neste edificio barroco de comezos do século XVIII destaca o brasón nobre da familia que sobresae do aleiro da fachada principal.

XOAN SECA

No hay comentarios:

Publicar un comentario