30/11/12

CAMPOSANTO DE SAN AMARO (segunda entrega)


O CAMPOSANTO DE SAN AMARO, CONSTRUCIÓN E AMPLIACIÓNS

A Real Orde do 3 de abril de 1787, do Rei Carlos III, reitera unha anterior de 1781 que obrigaba a realizar os enterramentos de cadáveres en cemiterios distantes dos núcleos de poboación. Porén, esta orde non modificou de xeito importante o costume tradicional de enterrar os mortos no interior das igrexas, nos seu adros, ou nos terreos que están nas súas proximidades e baixo a súa protección.
A Real Orde do 26 de abril de 1804, do Rei Carlos IV, vai ter maior incidencia xa que impón a construción de cemiterios en todo o Reino. O propio Consello de Ministros nomea persoas responsábeis para que estes acordos se leven a efecto. Iníciase deste xeito tamén o proceso de secularización de moitas atencións sanitarias que ata o momento estaban a cargo da igrexa. O movemento de secularización de institucións docentes, sanitarias e sociais foi impulsado pola Ilustración e chegou tamén á secularización dos cemiterios. Os condicionamentos sanitarios: as epidemias, as malas condicións de salubridade das igrexas e cidades; os condicionamentos económico sociais: aumento da poboación e crecemento das cidades,  xa non permitían facer os enterramentos no adro das igrexas.
O 22 de maio de 1805, o Capitán Xeneral do Reino de Galicia, Pedro de Ceballos, envíalle unha comunicación oficial ao concello coruñés na que lle recorda a obriga de executar a Real Orde de abril de 1804. Como resposta, o Correxidor don Fernando León de Benavides reúne baixo a súa presidencia os reitores das catro parroquias da cidade, o arquitecto municipal don Fernando Domínguez y Romay e a dous médicos e dous cirurxiáns do concello. Nesta xuntanza acórdase estudar o futuro emprazamento do cemiterio nun terreo que se atopa entre o camiño que se dirixe ao Castelo de Praderías e á Torre de Hércules, no centro mesmo da Agra de San Amaro; terreo  labrado e de aceptábel profundidade.
Ante a imposibilidade económica de afrontar o custo da construción dun cemiterio xeral, no mes de xuño de 1809 ordénase a montaxe e funcionamento dun cemiterio xeral provisional para toda a poboación da Coruña  mentres non se constrúa o definitivo. Deste xeito vaise utilizar o horto do convento de San Francisco no que se producirán preto de 1.500 enterramentos dende o 1809 ata o 1812. A inauguración deste cemiterio provisional levouse a cabo o día 12 de xuño de 1809 e consistiu na celebración dunha misa solemne na igrexa de San Nicolás e unha procesión xeral ata o camposanto, levando a cabo deste xeito a bendición baixo o ritual romano.
Logo de superar os innumerábeis trámites administrativos, incluídos os informes negativos do comandante enxeñeiro militar do Reino alegando desprotección da zona de San Amaro ante os desembarcos inimigos, e a imposibilidade de afrontar os gastos da construción, o 9 de abril de 1812 inícianse os trámites das obras do que será o Cemiterio Xeral de San Amaro.
O cemiterio xeral da Coruña é o primeiro da súa clase que se construíu en Galicia e un dos primeiros de España. O arquitecto que trazou os seus planos foi don Fernando Domínguez y Romay. Na súa distribución tivéronse en conta as catro parroquias da cidade, marcándose así  (aínda se poden observar os rótulos nos departamentos II e III) as liñas de San Xurxo, San Nicolás, Santiago e Santa María.
En parte dos terreos que hoxe ocupa o cemiterio existía a ermida de San Amaro, unha pequena edificación de principios do século XVII fundada por don Sebastián Varela Flores, procurador da Real Audiencia e pola súa muller dona Isabel de Labora. Tiña a ermida un retablo de estilo grecorromano que se trasladou, coa imaxe do santo, á capela de San Andrés. Posteriormente, no 1834, a expensas de don Fernando Queipo de Llano, construíuse a capela baixo a dirección do arquitecto don Alejo Andrade Yáñez.
O cemiterio sufriu en 1830 unha importante remodelación que consistiu no engadido dun departamento máis (o actual departamento I) que obrigou a trasladar a actual portada deseñada a xeito de arco de triunfo. A construción en 1834 da capela, desprazou a porta de acceso ao lugar actual. Xunto con estas obras realizáronse outras de mellora e acondicionamento da casa habitación que ocupaba o capelán do cemiterio.
En agosto de 1836, por iniciativa do cónsul británico don Juan Crispín, iniciáronse os trámites para a construción dun cemiterio para súbditos ingleses. A morte do oficial de fragata inglés, B. Endymion e o seu humilde lugar de enterramento ao ar libre, determinará o lugar de edificación do chamado popularmente camposanto protestante. En 1838 trazouse un cadrado de 36 varas de lado que tiña como centro a tumba do oficial inglés. En 1867 o arquitecto Ciórraga asinou os planos do cemiterio inglés e inaugurouse na primavera de 1868.
Este cemiterio non soamente acolle os restos dos cidadáns do Reino Unido, senón que tamén reúne enterramentos de franceses e alemáns que, sendo protestantes, non podían ser sepultados no cemiterio católico. O cemiterio, de propiedade británica, soamente se abre con ocasión de actos conmemorativos. Non obstante, o británico máis coñecido na cidade, Sir John Moore, está enterrado no xardín de San Carlos.
En 1879 preséntase o anteproxecto do ensanche do cemiterio, que crea o actual departamento IV e que ademais lle proporciona máis anchura aos demais departamentos. En 1881 preséntase o proxecto definitivo do ensanche. A partir de 1882 inícianse todos os expedientes de construción dos novos nichos no departamento IV. Tamén se crean -mentres non se crea o chamado cemiterio civil- dous espazos no departamento IV específicos: un para os enterramentos dos non católicos, outro para os impenitentes non bautizados. Cando se crea o cemiterio civil, no espazo baleiro entre o cemiterio xeral á altura do primeiro departamento e o cemiterio británico, estes dous espazos pasarán a formar parte da explanada do departamento IV e suporán unha ampliación de nichos, que nos planos actuais figura como primeira ampliación.
En 1885 iníciase o expediente de substitución da porta de ferro de entrada ao recinto, obra do arquitecto Juan de Ciórraga.
A partir de 1893 sucédense numerosos expedientes de concesión de superficie nos distintos departamentos do cemiterio xeral para a construción de nichos e panteóns familiares. Por exemplo, o concedido a Manuel Lugrís Freire, que ocupa o monumento 52 do departamento III, no que se indica incluso a inscrición que figurará no monumento de 1899: Conchita, la muerte no impide que vivas en mi corazón.
Antonio Molina e Saturnino Escudero son dous dos escultores que máis obra presentan no cemiterio. Os orzamentos que se presentan para a construción destes panteóns oscilan entre as 7.500 pesetas e as 11.035, ambos orzamentos datados en 1901.
A carón do cemiterio inglés, o concello, cumprindo ordes do goberno, comprou unha pequena extensión de terreo que axiña cerrou cun muro e utilizou para dar sepultura a aqueles que morrían fóra do seo da igrexa. Este lugar denomínase vulgarmente cemiterio civil ou non católico. Neste lugar foron enterrados soldados alemáns mortos durante a II Guerra Mundial. Os seus restos foron trasladados ao seu país en 1982 e o muro no que se debuxara unha cruz nazi na súa honra foi tapado por outro de recente construción. Nese momento tamén se procedeu á comunicación dos cemiterios civil e xeral, antes divididos polo afán de separar defuntos e ideas.
Posteriormente leváronse a cabo outras ampliacións. As indicadas nos planos do propio camposanto como primeira, segunda, terceira e cuarta ampliación. A que se sinala como primeira (sen ter en conta as que crean os departamentos I e IV) é a construción dun bloque de nichos no departamento IV. As seguintes consistiron na ampliación dos departamentos II e III, en dúas ocasións (2ª e 4ª) no caso do departamento II, por se tratar no caso da 4ª ampliación, do terreo que encadraba o cemiterio británico. Para a comprensión destas ampliacións  débese consultar o plano xeral que presentarei na próxima entrega.
En febreiro de 2001 iniciáronse os trámites para a que se supón última ampliación do cemiterio. Xunto coa construción de 1.762 nichos novos daráselle entrada ao camposanto a través do paseo marítimo de Orillamar. Esta ampliación obriga a reformar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que estaba prevista a instalación nestes terreos dun punto verde para a recollida selectiva de residuos urbanos.
Preténdese tamén a construción dun cinceiro para depositar as cinzas procedentes da incineración, práctica cada vez máis frecuente; a eliminación de barreiras arquitectónicas a través da habilitación de ramplas para minusválidos, e a construción dun edificio que albergará a documentación administrativa.
En agosto de 2002 iniciáronse as obras de preparación do terreo para a súa posterior ampliación. Estas obras consistiron na canalización de servizos na parcela que se utilizará na construción dos novos nichos.
No 2003 aprobouse o orzamento para a que se supón derradeira ampliación de San Amaro, o verdadeiro panteón de galegos ilustres que mira á baía coruñesa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario