9/5/13

SOBRE LUÍSA VILLALTA


     Seguimos avanzando no proxecto de documental sobre Luísa Villalta. Onte estivemos con César Morán, con Pilar Pallarés e con Maribel Longueira. Hoxe tivemos oportunidade de falar con Francisco Pillado. A semana que vén esperamos rematar a fase de gravación para poder dedicarnos na ponte das Letras Galegas á montaxe do documental.
     Comparto hoxe con todos un poema de Luísa Villalta. Trátase da súa derradeira intervención pública como poeta. Foi no recital de poetas galegos en solidariedade con Palestina que se celebrou o vinte e seis de febreiro de 2004. A súa achega foi a composición Debilidade.

DEBILIDADE

Porque non son soldado nen suicida,
confeso que son débil
e que na miña debilidade
vin os ollos da morte,
e tiñan o teu nome, Xerusalén,
un nome amurallado pola destrución.

Confeso que son débil
e que vivo ofuscada polo vicio da razón
que me fai ensoñar un mundo poderoso de xustiza
empezando pola miña propia rúa
e que teño o delirio imperialista
de querer chegar a dominar os que dominan
e denunciar como se esconden por detrás do muro
onde non lamentan nada
porque a dor non lles pertence.

O meu pracer é insultar os seus disparos virtuosos
e maldicer a súa epopea triunfal
consistente en non deixar medrar os nenos
que condenaron a vagar xa para sempre
entre os entullos mesturados cos cadáveres.

Ante a miña blasfemia, como en eco,
ouvín queixarse os deuses,
afeitos a eses templos suntuosos,
torcidos de dor nas cabezas como a miña
embotadas polo afán de liberdade
pedindo non ser tan cruelmente ameazados pola paz
que se avista cabalgando na razón e na esperanza
cada día en que se clama pola paz,
cada vez que o día estoupa.

Hai aínda tantos nenos esperando turno para non nacer
que se agolpan entre as pedras
mentres a voz dun deus escravo
envía lexións de anxos coas botas da milicia enfurecida
repartindo os naipes do seu propio temor.

E eu confeso que son débil,
que son moito máis débil que o odio
máis débil que a pobreza ante a riqueza inegociábel
máis estraña que o hábito vencido da represión
Por iso pido a paz
pido a paz e un estado popular
para o pobo pobre
débil coma min en Palestina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario