27/10/13

PARABÉNS POLO ACTO DE CONMEMORACIÓN DO 25 ANIVERSARIO DO IES ISAAC DÍAZ PARDO

Malia algúns pequenos detalles sen maior importancia, o acto que se desenvolveu o pasado venres na casa da cultura Pintor Lloréns de Sada, co gallo da conmemoración dos vinte e cinco anos de existencia do instituto que leva o nome dun dos persoeiros máis importantes da Galicia do séxulo XX, foi todo un éxito. Parabéns para Amara, a presentadora, para os nosos músicos, a nosa cantante, o noso contador de historias, os virtuosos do violín, os gaiteiros e os bailadores, os técnicos... Os discursos nostálxicos, cheos de emoción. E como remate, o himno de Galicia.
Aínda non botando de menos a ningunha autoridade (a inspectora do centro e a alcaldesa en funcións estiveron moi ben), o acto: "IES ISAAC DÍA PARDO, 25 ANOS DE ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE", era a mellor ocasión que tiñan os que están ao servizo do pobo para, coa súa presenza, demostrar o seu respecto cara ao ensino público e agradecerlles a todos os sectores da comunidade educativa os seus esforzos para desenvolver un ensino de calidade, a pesar de todos os atrancos que moitas veces eles mesmos poñen no camiño. Non hai nada mellor que ver e escoitar aos que día a día están traballando nos centros educativos para tomar as sabias decisións que afectarán ao futuro das novas xeracións, ao futuro do país.

Intentaremos facer unha modesta montaxe audiovisual do acto para lembrar estes marabillosos 25 anos.

Saúde e Terra.



No hay comentarios:

Publicar un comentario