19/11/13

A MIÑA NAI Á MIÑA IDADE



A miña nai (na fotografía está á esquerda, en compaña da súa irmá maior, Beatriz) cóntame o que ela facía cando tiña a miña idade e vivía en Monte Alto, na Coruña.
Era “un pirucho”, xa que xogaba máis cos nenos que coas nenas. Saía á rúa todas as tardes co seu bocadillo e cando lle chegaba a hora de volver á casa, a súa nai chamábaa dende a fiestra.
Cóntame que todo era moi divertido e que xogaba a moitas cousas distintas: á corda, á goma, ás bólas, ás quedas... Daquela, moi poucos nenos tiñan patíns ou bicicletas!
Preto da súa casa había unha fábrica abandonada, cun muro moi alto que tiña cristais incrustados no alto para que ninguén entrase. Alí sempre había gatos e cando criaban, todos os amigos e amigas xuntaban os cartos que lles daban os seus pais para a fin de semana, para mercar leite e dárllelo ás crías. Tamén baixaban comida das casas nos petos, ás agachadas, para que as nais non os descubrisen e non rifasen con eles. Entre todos axudábanse para escalar os muros e darlles a comida. A miña nai aínda conserva algunha cicatriz desa “aventura”. Unha vez criados, os michos marchaban. Cando de novo había crías, os nenos volvían.


Alba López López, 1ºB

No hay comentarios:

Publicar un comentario