8/11/13

COMENTARIO DUNHA FOTOGRAFÍA DE HAI MÁIS DE CORENTA ANOS

Este é un exemplo sinxelo da actividade de expresión escrita que lle propoño ao meu alumnado do IES Isaac Díaz Pardo.
Trátase de que cada alumno escolla do álbum de fotos familiar unha fotografía que teña máis de corenta anos e que a comente. Para iso deberá falar cos seus protagonistas, ou con quen os coñeceron, e escribir o seu comentario.
Velaí vai o meu exemplo: 

A MIÑA PRIMEIRA COMUÑÓN


O domingo 8 de xuño de 1969, fixen a miña Primeira Comuñón na igrexa de Santa María, en Betanzos, vila na que vivía coa miña familia. Foi un día moi emotivo, sobre todo porque algúns familiares e os meus amigos viñeron á casa a compartir unha merenda farturenta que incluía chocolate e churros. Ademais, conseguín algúns agasallos, como un balón de fútbol e os primeiros libros de lectura. Por suposto que non faltou o xogo de compases, escuadra e cartabón que ía necesitar no próximo curso, 1º de bacharelato. En realidade empezaba a ser xa un homiño, non por facer a Primeira Comuñón, senón porque despois do verán entraba no instituto, e iso permitiríame poñer por fin pantalón longo.
Os familiares e os amigos que aparecen na fotografía recoñeceranse sen dificultade e non ten sentido que eu os vaia identificando, o cal non significa que non comparta algúns comentarios ao respecto. A miña nai está vestida de rigoroso loito xa que había un tempo que morrera a miña avoa paterna, e esas cousas, antes, tiñan moita importancia. Os meus amigos vestían de pantalón curto, por suposto, pero todos moi elegantes, incluso cun pano no peto exterior da chaqueta. O meu irmán, de pantalón longo, porque xa era un mozo de 14 ou 15 anos e xa estaba no instituto. Por suposto, o meu traxe de "mariñeiro" era prestado; as familias sabían administrar moi ben os seus recursos económicos. 

2 comentarios:

  1. Moi bonita a foto e tamén o comentario, Xosé, pero non contas por que tiñas esa cara de enfurruñado...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. A cara de enfurruñado (é a mesma que sigo a ter de maior) era debida ao momento transcendental que estaba a vivir. O ano seguinte fun monaguillo, como mandaba a tradición. Despois, funme decatando de moitas cousas e acabei como acabei, sendo un ateo confeso. Saúde, querida Inés.

      Eliminar