17/12/13

O CEMITERIO BRITÁNICO E O XARDÍN DE SAN CARLOS (5ª entrega)

 Cemiterio Británico. 

En agosto de 1836, por iniciativa do cónsul británico don Juan Crispín, iniciáronse os trámites para a construción dun cemiterio para súbditos ingleses. A morte do oficial de fragata inglés, B. Endymion e o seu humilde lugar de enterramento ao ar libre, determinará o lugar de edificación do chamado popularmente camposanto protestante. En 1838 trazouse un cadrado de 36 varas de lado que tiña como centro a tumba do oficial inglés. En 1867 o arquitecto Ciórraga asinou os planos do cemiterio inglés e inaugurouse na primavera de 1868.

Este cemiterio non soamente acolle os restos dos cidadáns do Reino Unido, senón que tamén reúne enterramentos de franceses e alemáns que, sendo protestantes, non podían ser sepultados no cemiterio católico. O cemiterio, de propiedade británica, soamente se abre con ocasión de actos conmemorativos. Non obstante, o británico máis coñecido na cidade, Sir John Moore, está enterrado no xardín de San Carlos.



O Xardín de San Carlos: Tumba de Sir John Moore.

A cidade vella formaba toda ela unha fortaleza, xa que estaba rodeada dunha muralla. A muralla integraba incluso o convento de San Francisco e outras construcións que foran derrubadas no asalto á cidade por parte das tropas inglesas ao mando de Drake en 1589 (defensa de María Pita da cidade). No lugar que hoxe ocupa o xardín de San Carlos estaba situada a fortaleza da cidade propiamente dita. Estaba defendida por seis torres. O seu polvorín estoupou o 3 de abril de 1658, provocando máis de 200 mortos e moitos desperfectos nas casas e edificios veciños.

No ano 1834, o gobernador da Coruña, don Francisco Mazarredo promoveu o actual xardín de San Carlos, que se converteu no primeiro xardín público moderno da cidade. O nome de xardín de San Carlos provén de don Carlos F. de Croix, marqués de Croix, virrei de México (1699-1786) e Capitán Xeneral de Galicia, xa que foi o primeiro que artellou transformar a antiga Fortaleza Vella en xardín.

As obras proxectadas polo arquitecto José María Noya foron executadas grazas á subscrición pública dalgúns veciños. Naceu coa idea de proporcionar un lugar de paseo para os coruñeses e tamén coa vocación de acoller a Sir John Moore, o xeneral británico de 47 anos que morreu na batalla de Elviña, ou da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809. Ferido de morte en Elviña, foi trasladado á casa número 16 do Cantón Grande, a casa do comerciante Xenaro Fontela. Sobre as dez e media da noite morreu. Foi enterrado no baluarte de San Carlos. No ano 1830 instalouse a arca que contén os seus restos e en 1864  o enreixado que a protexe.

O xardín está dividido en oito cuarteiróns ao redor da tumba do xeneral que se atopa na posición central. Estes cuarteiróns forman sete camiños aliñados con sebes de buxo. A tumba está encadrada por catro olmos, a árbore simbólica da revolución francesa. Tamén se atopan azaleas, camelias, roseiras e outros arbustos e flores. Nos seus inicios servía o lugar de xardín botánico.

Na porta de entrada ao xardín atópase a representación das armas do marqués de Croix. Nada máis entrar, á esquerda, no muro, hai unha lápida que reproduce as palabras que Wellington lles dirixiu aos soldados galegos que aliados cos ingleses derrotaron aos exércitos napoleónicos en Arapiles e San Marcial o 31 de agosto de 1813:

Guerreros del mundo civilizado, aprended a serlo de los individuos del 4º ejército que tengo la dicha de mandar: cada soldado de él merece con más justo motivo que yo el bastón de mando que empuño. Todos somos testigos de un valor desconocido hasta ahora. Españoles: Dedicaos todos a imitar a los inimitables gallegos.

Ao seu carón hai outra lápida escrita en inglés que lembra o naufraxio do buque escola Serpent, preto da praia do Trece na Costa da Morte, o 10 de novembro de 1890 (nesa zona da Costa da Morte atópase o denominado cemiterio dos ingleses).

Xunto ao miradoiro do xardín, que nos ofrece unha vista panorámica sobre o porto e o castelo de San Antón, hai unha lápida na que se atopa reproducido un anaco do poema Na tomba do xeneral Sir John Moore de Rosalía de Castro (figura o poema completo na escolma literaria). Tamén se reproducen fragmentos do poeta inglés Charles Wolfe. Entre ambas as dúas, outra que nos informa sobre a data de construción do miradoiro e das placas, feito acontecido en 1927, sendo alcalde da cidade Manuel Casás.

En 1994 inaugurouse unha rúa en honra de Moore, O paseo do Xeneral Sir John Moore, que bordea as murallas do Xardín de San Carlos e o antigo Hospital Militar; é o camiño que as tropas inglesas seguiron para embarcar rumbo ao seu país, logo da Batalla de Elviña ou da Coruña. No ano 2000 plantouse un pequeno gallo dun carballo que Sir John Moore plantara na súa terra, antes de vir a España a loitar contra os franceses.

O 16 de xaneiro de 2004 foi inaugurado no xardín de San Carlos un busto en bronce do xeneral, da autoría do escultor Fernando Groeiro. O xardín de San Carlos segue a ser para os coruñeses e coruñesas o contorno máis romántico da cidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario