14/12/13

VISITA AO CEMITERIO DE SAN AMARO (3ª entrega)

   Os cemiterios son moito máis que as cidades dos mortos. Podemos aprender moitas cousas nos camposantos. Os seus interiores están cheos de referencias, de historias, de éxitos e tamén de fracasos. Neles xacen os homes e as mulleres que foron facendo a historia das nosas cidades, do noso país. Cada morto é unha vida, e foi outra. É unha obriga dos que aínda estamos aquí facer que os que xa marcharon sigan na nosa memoria. Nos nosos devanceiros atesóuranse moitas ensinanzas que poden axudarnos na resolución dos problemas da sociedade actual. 
  O termo morte oponse a vida, e tamén significa a separación do corpo e da alma, ou a chegada a un novo estado, ou o renacer... Na morte a persoa atópase baleira de cargas e de posesións, atópase soamente cos seus valores e coa súa dignidade. A partir da morte cada quen ocupa o lugar que en xustiza lle corresponde. 
  Todas as sociedades, tanto primitivas como modernas, establecen algún tipo de ritual sobre este acontecemento. Os homes prehistóricos construían grandes dolmens para enterrar os defuntos no seu interior. Dábanlle máis valor á vida de ultratumba que á terreal. Os celtas incineraban os cadáveres e gardaban sinxelamente as súas cinzas en olas de barro que enterraban preto das vivendas. Hai pouco máis de douscentos anos os mortos eran enterrados nas igrexas ou nos seus adros, nas mesmas entrañas da cidade. Porén, a partir de 1787 unha Real Orde do rei Carlos III obrigou a trasladar os cemiterios fóra das cidades, cada vez máis lonxe. O de San Amaro comezouse a construír en 1812, o mesmo ano das Cortes de Cádiz, o primeiro texto constitucional español. Foi proxectado polo arquitecto Fernando Domínguez y Romay. Prestaba servizo ás catro parroquias da cidade: Santiago, Santa María, San Nicolás e San Xurxo. Ao longo destes douscentos un anos de vida o cemiterio foi ampliado e reformado en varias ocasións. Aquí conviven ricos e pobres, católicos e protestantes, republicanos e non republicanos... A pesar de que hai quen tamén na morte quere establecer diferenzas, as grandes persoas non o son pola grandiosidade da súa sepultura, como ben podemos observar en San Amaro. 
  No actual cemiterio municipal de San Amaro distínguense en realidade tres cemiterios: o cemiterio católico ou xeral, o británico e o civil. O cemiterio civil recibiu esa denominación por significar o oposto a relixioso. O cemiterio británico é de propiedade británica, legalmente construído no 1867 e que recibía tamén o nome de protestante. Fóra das denominacións, o certo é que hai católicos enterrados no civil e non católicos enterrados no católico; así como xente non británica no protestante e británica, no xeral. Hoxe en día podemos dicir sen medo a equivocarnos que o cemiterio é aconfesional, sobre todo pensando en que estamos ante un camposanto municipal. Precisamente esta idea é a que levou nos anos oitenta á corporación municipal a derrubar o muro que illaba o antigo cemiterio civil do xeral. Á parte do innegábel valor artístico das moitas esculturas que decoran os panteóns, do engado das frases e epitafios nas lápidas, a refrescante brisa mareira..., un paseo polo recinto sacro permitiranos lembrar a unha chea de persoeiros que nos explicarán parte dos momentos históricos máis significativos da nosa cidade da Coruña e tamén de Galicia. Realmente podemos afirmar que estamos ante o verdadeiro Panteón de Galegos Ilustres.
  Existen ademais na cidade outros lugares de grande interese relacionados con este cemiterio: A tumba do xeneral inglés John Moore, no xardín de San Carlos; o cemiterio dos Mouros, construído polo exército franquista no 1936 para enterrar os soldados mouros; o Campo da Rata, lugar no que foron paseados unha chea de republicanos e galeguistas nos inicios da Guerra Civil, e a Praza de España, a antiga Praza da Forca, onde foi axustizado o Xeneral Porlier. Podería sinalar ademais outros puntos de interese situados ao longo da cidade, como poden ser o monumento aos liberais na praza das Conchiñas, o monumento a Curros nos xardíns de Méndez Núñez, o busto de Suárez Ferrín, o Campo de Marte (que pasou a ser a praza dos axustizamentos públicos despois do aforcamento de Porlier), ou as rúas dedicadas aos persoeiros que descansan en San Amaro. A visita destes lugares sempre pode resultar interesante. 
   Acheguémonos pois ao camposanto, e co respecto debido, paseemos polo noso pasado máis inmediato e tomemos nota para o futuro, realmente merece a pena!

No hay comentarios:

Publicar un comentario