17/12/13

VISITA A SAN AMARO (6ª entrega)

O xoves 19 deste mes de decembro visitaremos de novo o camposanto, é por iso que esta sexta entrega será a última para este ano. 

PANTEÓNS DE INTERESE

Existen no camposanto de San Amaro moitos panteóns de interese arquitectónico, con elementos construtivos e decorativos característicos dos estilos artísticos máis recoñecidos. Case todos eles foron realizados a finais do século XIX e a principios do XX. Os expedientes consultados no arquivo municipal son bastante completos e xunto coa solicitude de compra da superficie necesaria para a súa edificación -a razón de 125 pesetas metro cadrado, todo un capital na época- cumpría presentar os planos de construción asinados por un arquitecto colexiado e nomear un director de obra. En moitos casos era necesario abrir un paso entre os muros exteriores do cemiterio para facilitar o traslado dos materiais necesarios, todo baixo a supervisión do arquitecto municipal.

Quixera destacar de igual xeito que o pon de manifesto o poema cimenterio de cidá de Celso Emilio Ferreiro, que a grandeza das persoas non se mide polo tamaño, nin polo valor das súas sepulturas, que non hai mortos de primeira e de segunda. Hai panteóns de indubidable valor que non teñen as frescas flores da lembranza que sempre se renovan noutras sepulturas máis modestas.

No departamento II destaca un panteón funerario neogrego construído en mármore branco. Segundo os datos recollidos no expediente número 159 do ano 1901, as irmáns Antonia e Ana González Morris (esta última autorizada polo seu esposo) solicitan unha parcela de 36 metros cadrados, pola que pagan 4.500 pesetas das daquel tempo, para a súa construción e para que descansen os restos do seu pai José Mariano González.

O panteón foi deseñado polo arquitecto municipal de Cidade Real e académico de San Fernando, Florián Calvo Rodríguez. As obras foron dirixidas polo arquitecto Pedro Mariño y Ortega. As obras, que tiveron un custo de 26.000 pesetas, remataron en outubro de 1902.


No hay comentarios:

Publicar un comentario