11/12/13

VISITA A SAN AMARO (2ª entrega)

  O venres 13, iniciaremos a visita a San Amaro no chamado "Campo da Rata", lugar situado entre a Agra de San Amaro e Punta Herminia. Hoxe, un monumento de Isaac Díaz Pardo, dedicado aos que alí foron inmolados por defender a II República tras os sucesos acontecidos a raíz da insurrección militar do 18 de xullo de 1936, permítenos recuperar a memoria colectiva. Ao seu carón está situado o cemiterio dos mouros, agora "Casa da Palabra", camposanto no que enterraban os marroquís musulmáns mortos durante a Guerra Civil.

Constitúese o conxunto como un monumental paredón que nos lembra tamén a construción dos monumentos funerarios megalíticos, ou como dixo o seu autor "será como un cromlech". Está realizado con 21 grandes bloques graníticos de distintos tamaños procedentes de Cambados, algúns deles con manchas vermellas, que simbolizan o sangue deitado polos fusilados na valente e digna defensa dos seus ideais de liberdade. Os linteis centrais teñen dúas inscricións que gravou o escultor Escudero:

INMOLADOS DESTES CAMPOS FRONTE AO MAR
TENEBROSO POR AMAR CAUSAS XUSTAS

PRESENTES  NA LEMBRANZA DO POVO
E DO SEU CONCELLO DA CORUÑA

Foi inaugurado o 14 de abril de 2001, no setenta aniversario da proclamación da II República.

Unha vez que esteamos alí, teremos ocasión de saber máis cousas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario