2/1/14

A ESTACIÓN


Por que este blog se chama galego da estación?

Galego, porque é a lingua empregada en todas as entradas e porque todo o que aquí aparece está enfocado a lograr que o galego aumente a súa presenza nas nosas vidas, sobre todo como lingua de uso cotiá. 

Estación, porque a miña infancia e a miña adolescencia están directamente relacionadas co espazo vital de dúas estacións de ferrocarril: a de Miño-Castro e a de Betanzos-Pueblo. O meu pai era o capataz de vía e obras da RENFE desas zonas ferroviarias.



Estación de Miño-Castro entre 1940/50.

Moi preto da de Miño nacín en 1960. Despois, cando eu era moi pequeniño, marchamos para Betanzos, onde medrei e estudei a primaria e o bacharelato. Logo, aos 16/17 anos volvemos para Miño. Despois veu a universidade..., pero esa é outra historia.


Estación de Betanzos-Pueblo sobre 1920/30

A liña de ferrocarril Betanzos-Ferrol inaugurouse en 1913, esta fotografía data de 1900 e correspóndese coa construción da ponte necesaria para cruzar os ríos Mandeo e Mendo, xusto na saída da estación.
No ano 1912, un ano antes da inauguración oficial da liña Ferrol-Betanzos, reuníronse na estación de Betanzos-Pueblo moitísimas persoas para saudar ás súas Altezas Reais Alfonso XIII e Victoria Eugenia que se dirixían a Ferrol co gallo da botadura dun acoirazado da Armada española.


Vistas da estación de Betanzos-Pueblo en 1950/60

Ata 1970 funcionaron as locomotoras.

O ferrobús cubría as cercanías.


Traballadores da RENFE na estación de Betanzos-Pueblo en 1965.



Vistas da estación de Betanzos-Cidade (!!!) entre o 2000/2010

A miña nai é da Sionlla e na Sionlla naceron os meus irmáns maiores. Fotografía da estación da Sionlla, xusto a anterior á de Santiago, abandonada dende hai moitos anos.



                O tren de cercanías perdeu a importancia que tiña no pasado e con el as estacións.   Esperemos que a historia documentada nestas fotografías non se converta en metáfora da nosa lingua.

No hay comentarios:

Publicar un comentario