24/1/14

XOGOS FLORAIS (1ª entrega)

OS XOGOS FLORAIS DA CORUÑA EN 1861

Os primeiros Xogos Florais que se celebraron na Galicia contemporánea datan do 2 de xullo de 1861. Desenvolvéronse na cidade da Coruña. O seu promotor foi Antonio de la Iglesia (1822-1892, autor e ensinante) e participaron na súa organización, entre outras persoas, Juana de Vega (1805-1872, condesa de Espoz e Mina) e Benito Vicetto (1824-1878, historiador ferrolán).

Antonio de la Iglesia
Juana de Vega
Benito Vicetto
 
 Ao ano seguinte editouse, baixo o mecenado de Pascual López Cortón (avó de Xoán Vicente Viqueira Cortón) o Álbum de la caridad, primeira antoloxía da poesía galega, que debe o seu nome ao feito de que todos os beneficios económicos da publicación serían para o Padroado da Caridade. A compilación das obras fíxoa o propio Antonio de la Iglesia.

Pascual López Cortón
Este Álbum marcará un fito esencial na historia da literatura galega por ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento das nosas letras. A obra recolle toda a información relativa ao desenvolvemento dos Xogos Florais, os traballos premiados no certame, a antoloxía poética denominada Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, na que están representados, entre outros, insignes poetas como Aurelio Aguirre, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos e Eduardo Pondal. Por último, no apartado titulado Mención de otros autores, recóllense os nomes doutros moitos escritores da época sen representación no Álbum.

Francisco Añón Paz (A Serra de Outes, 1812 - Madrid, 1878), é o autor do poema A Galicia, o único premiado escrito en galego. No seu momento este poema foi candidato a se converter en letra do himno galego. 

Francisco Añón
Ai, esperta, adorada Galicia,
dese sono en que estás debruzada,
do teu rico porvir a alborada
polo Ceo enxergándose vai.
Xa cantando os teus fillos te chaman,
e cos brazos en cruz se espreguizan...
¡Malpocados! O que eles cobizan
é un bico dos labios da Nai.


Dese chan venturoso arrincado
pola man do meu negro destino,
hastra mesmo soñando maxino
eses campos risonos cruzar.
E correr polas hortas e prados,
onde leda pasou miña infancia,
respirando a süave fragancia
de xazmín, caravel, azahar.

Coido ver esas rías serenas,
escumando con barcos veleiros,
e cantares oír feiticeiros,
que en ningures tan doces oín.
Inda creo sentir as labercas,
que pineiran nos aires cantando,
cando o sol vai as nubes pintando
de amarelo, de lume e carmín.

Ao través de aguzados penedos
penso ver empinados petoutos,
viñas, hortas, devesas e soutos,
que apouvigan os ventos do Sul.
E saltando regueiros e valos,
cata xa outros bos horizontes,
outras veigas, mariñas e montes,
que se perden na brétema azul.

Soño ahí que entre verdes pereiras
fouliadas alegres escoito,
cando o Ceo se reviste de loito
nas poéticas noites do bran.
E que en medio de nenas garridas
canta un mozo con voz pracenteira,
para o lado tumbada a monteira,
unha orella tapando coa man.

Eu soñei ver na cume do Pindo,
adornados de mirto e loureiros,
escritores poetas guerreiros,
que sorrindo se daban a man.
Eran eses os fillos mais caros,
que da Patria aumentaron a gloria:
os seus nomes nos fastos da historia
con diamante grabados serán.

E dimpois unha endrómena rara
vin moverse con ágoa fervente,
e silvando como unha serpente,
como un lóstrogo os campos cruzou.
Era aquel o porvir que xa soa
e das probes aldeas fai vilas...
¡Adiós cantos e Musas tranquilas!
O imperio da industria empezou.

Acordei... O meu soño dourado,
como fume pasou de repente,
e magoado o meu peito se sente
de soidades e amor palpitar.
Marmurei: —¡Adorada Galicia! ...
(E dos ollos chovíanme as bágoas).
¡Quen pudera beber túas ágoas,
e teus aires feliz respirar!

De ti lonxe, querido corruncho,
eu mirrándome estou de amargura,
como a froita que vai xa madura,
e entre silvas o vento guindou.
¡Teño envidia da libre andoriña,
que ahí chega por todos os maios!
¡Teño envidia das nubes e raios,
que o Sudeste a esas terras levou!

A ti voa entre ardentes suspiros,
sobre as trémulas alas do vento,
a soidade do meu pensamento,
que decote cravado está en ti.
Por diversos países que eu vaia,
ti serás miña doce memoria...
¡Mesmo entrar non quixera na gloria
sin primeiro pasar por ahí!


Eduardo Pondal publicou o seu primeiro poema en galego, A campana de Anllóns, e Rosalía de Castro asinaba o poema titulado Adios que eu voume, poema que incluía unha estrofa  que foi suprimida logo na edición do libro Cantares  Gallegos en 1863. A dita estrofa era a seguinte:

 Por xiadas, por calores ,
 desde qu´amañece ó día ,
 dou á terra os meus sudores
 mais canto a terra cría
 todo… todo é dos señores. 


Rosalía de Castro

Eduardo Pondal

Xoán Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811 - Vigo, 1876) está considerado un dos Precursores do Rexurdimento literario.  A Gaita Gallega (1853), foi a única obra súa publicada en vida. O soneto acróstico que reproducimos a seguir QUE VIVA GALICIA, presente en A Gaita Gallega, tamén aparece no Álbum de la caridad.



Xoán Manuel Pintos Villar


1 comentario: