15/2/14

OS XOGOS FLORAIS: AS ORIXES

Os xogos florais instaurados na antiga Roma (Ludi Floreales) dedicados á deusa Flora tiñan un carácter erótico e sensual. Pouco teñen que ver cos xogos florais instituídos posteriormente en 1324 na cidade de Toulouse (Francia), rexistrados en lingua provenzal. A través dunha carta circular convocábase a todos os trobadores ou poetas a que comparecesen na cidade para recitaren os seus versos, prometéndolles que se outorgaría unha violeta de ouro a aquel que recitase os considerados mellores versos.
Os xogos florais de Barcelona instauráronse o primeiro domingo de maio de 1859 co lema de “Patri, Fides, Amor”, facendo así alusión aos tres premios máis importantes a conceder: a Flor Natural ou premio de honra, outorgado ao mellor poema amoroso; a Rosa de ouro, ao mellor poema patriótico, e a Violeta de ouro e prata ao mellor poema relixioso. Estes certames poéticos tiveron o apoio de amplos sectores da intelectualidade e da política catalá, o cal contribuíu enormemente a prestixiar a lingua e literatura catalá.
En 1697, a Universidade de Santiago editou unha colección poemática trilingüe (latín, castelán e galego) baixo o título de Festas Minervais coa que  pretendía honrar a memoria de D. Alonso de Fonseca. Nesa publicación aparecen 9 romances de 80 versos cada un escritos en lingua galega e que constitúen unha das mostras literarias cultas da nosa lingua no tempo dos Séculos Escuros.


           

Minerva, na mitoloxía romana, é a deusa da sabedoría, as artes, as técnicas de guerra, ademais de protectora de Roma e patroa dos artesáns.

A Universidade de Santiago de Compostela recupera en 1953 as Festas Minervais. Dese xeito convoca un certame literario no que premia obras poéticas e narrativas en lingua galega. Precisamente esta denominación servirá para se referir a toda unha xeración de poetas das nosas letras que asistiron á universidade e participaron nestas Festas Minervais. Entre outros destacan: Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xosé Luís Franco Grande...  


No hay comentarios:

Publicar un comentario