2/2/14

XOGOS FLORAIS (II)

Os Xogos Florais da Coruña de 1861 abriron o camiño para outros que se desenvolveron en diversas localidades de Galicia: Pontevedra (agosto dese mesmo ano de 1861, posteriormente en 1880, 1882, 1884 e 1886), Santiago de Compostela en 1875, Ourense en 1876, Vigo en 1883 e Tui en 1891. Todos eles coincidiron no seu obxectivo básico: prestixiar a lingua galega.
Os Xogos Florais celebrados no Teatro Principal de Tui o 24 de xuño de 1891, constituíron o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego. Pretendíase prestixiar a lingua e a cultura galega mediante un concurso literario no que os autores deberían presentar traballos inéditos escritos en galego en calquera das súas formas dialectais, incluíndo o galego berciano e o da comarca do Eo-Navia.



O xornal El Eco de Galicia, editado na Habana, daba cumprida información no seu número 472 (11 de xullo de 1891) de como o día 18 dese mesmo mes se reuniría “O Consistorio dos Xogos Florais”, composto por Manuel Murguía, Salvador  Cabeza de León, Alfredo Brañas e outras personalidades para xulgar as máis de cincuenta composicións presentadas.
Ás tres da tarde do 24 de xullo de 1891 ergueuse o pano do Teatro Principal de Tui iniciándose así os Xogos. O daquela crego, Manuel Lago González (despois bispo de Tui) leu un discurso que iniciou recordando as palabras do poeta Francisco Añón:      
Ai, esperta, adourada Galicia
dese sono en que estas debruzada:
Do teu rico porvir a alborada.
Pol-o ceu exergándose vai.

Afirmou que con este acto a nobre lingua galega se presentaba por primeira vez nas públicas solemnidades por enriba do castelán.
Despois, Manuel Murguía leu un discurso no que reivindicaba a lingua e a nacionalidade galegas:
Léngoa distinta -di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámo-l'o nós tamén, se nos compre con maor firmeza ainda, e poñamos de nós o que faga falla pra que sea para sempre esta léngoa en consonancia c'o noso espríto, e feita como ningun-ha outra, pra espresión d'un-ha literatura tan oposta ô genio d'a de Castilla como é esta que nós temos.
A seguir, Salvador Cabeza de León, secretario dos Xogos, procedeu á lectura da memoria destes e a abrir os sobres que acreditaban os premiados:
Coa "Rosa natural", don Eladio Rodríguez, da Coruña, pola súa composición "DESPERTA". Foi lida no acto por Alfredo Brañas.
Coa "Rama de roble", don Martín Diez Spuch, de Tui, pola composición, "O Derradeiro Trovador", lida polo autor.
Coa "Violeta de prata e ouro" don Juan Barcia Caballero, de Santiago.
Con "Clavillo", dona Filomena Datto Muruais, de Ourense, por la composición "O gaiteiro de Xixón" e don Urbano González, da Coruña, obtivo outro premio por unha comedia nun acto.
Para rematar o acto, Alfredo Brañas, mantedor dos xogos, catedrático da Universidade de Santiago e un dos rexionalistas máis recoñecidos e populares, pronunciou un encendido discurso aplaudido fervorosamente polos asistentes:
Todo esto xunto, siñores e siñoras, cega á miña vista, fire mainiña é amorosamente o meu corazón, excita á miña sensibilidade, cal si recebira una corrente voltaíca y-obrigame á excramar c'o pensamento posto en Dios y-o corazón n'a terra nativa: "Temos pátria, temos lenguaxe, temos fé...¡ estamos salvados!
A medalla conmemorativa deses xogos florais, realizada en Vigo polo xoieiro Enrique Pérez en 1891, reproduce nunha das caras unha ave fénix agromando das chamas, acompañada da lenda "SURGE ET AMBULA"; érguete e camiña. Na outra cara pode lerse a lenda: "TUY PRIMEIRA CONVOCATORIA ANO MDCCCLXXXXI - CONSISTORIO DOS XOGOS FRORAIS-GALICIA".

No hay comentarios:

Publicar un comentario