5/2/14

XOGOS FLORAIS (III entrega)

Betanzos organizou os seus primeiros Xogos Florais no ano 1886, vinte e cinco anos despois dos celebrados na Coruña. O periódico local Las Mariñas, baixo o lema Patria, Fides, Amor e co obxectivo de promover as letras galegas convocou este primeiro certame literario, que tería continuidade nos seguintes anos de 1887 e 1901. As propias bases dos Xogos fan constar que, en igualdade de condicións, preferiríanse os traballos escritos en lingua galega. Das oito modalidades de premios, en sete delas podían presentarse textos en galego ou en castelán, e nunha delas, “poesía dedicada á muller”, tería que estar escrita obrigatoriamente en galego. Entre os premiados figuran Enrique Labarta Pose e Eladio Rodríguez González. O acto de entrega de premios dos celebrados en 1887 estivo presidido Por Martínez Salazar, estando presentes tamén Galo Salinas, Eugenio Carré e Manuel Lugrís Freire.
Segundo a Doutora en Filoloxía, Concepción Delgado Corral, os terceiros Xogos Florais de Betanzos  (1901) son a constatación do decaer do espírito galeguista provocado polos grupos culturais dominantes da localidade, e só compensado en parte pola presenza final de importantes galeguistas no xurado.

Outros Xogos Florais betanceiros destacables foron os celebrados en 1918, dous anos despois da constitución das Irmandades da Fala. O organizador foi Francisco Vales Villamarín ( Betanzos, 1891-1982, historiador, secretario perpetuo da Real Academia Galega e cronista oficial de Betanzos) e o presidente do xurado, Manuel Murguía. Algúns dos premiados foron Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo e Ángel del Castillo.



Francisco Vales Villamarín



 Nos de 1946, tempo de prohibicións e censuras, o Premio de Honra e Flor Natural foille concedido ao poeta lugués Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado nestas Letras Galegas de 2014, polo seu poema Nascida d´un sono.
 
Xosé María Díaz Castro
NASCIDA D’UN SONO
 
                          I

 Ven aos meus versos como vas á feira,
 cantando e ríndo ao vento das Mariñas.
 Ven, puño de cerixas cristaíñas,
 entra no meu soneto, betanceira!

 Como esborrexen pol-a carballeira
 as anduriñas tras das anduriñas,
 brinca, anduriña, pol-as rimas miñas
 cal te dou Dios, enteira e verdadeira.

 E xa feito de ti, louro e compreto
 cos iambos dos te pasos donaireiros,
 co lume dos teus ollos tan profundo,

 eu ceibaréi ao vento o meu soneto
 pra que o teu nome suba antr’os loureiros
 hastr’ás estrelas, prefumando o mundo!


                         II

 Piséi a sombra viva dos guindeiros
 e pidinlle auga fresca. Pró a garrida
 doume unha auga tola i-acendida,
 i-empezóu a falar... Ai betanceiros,

 qué ollos aqueles, soles verdadeiros,
 duas espranzas pra unha sola vida!
 Qué ofrenda a porzolana repolida
 das mans, feitas pra tronos ou mosteiros!

 I-aquel falar ardente cal non fora
 un despertar de melros sob a aurora
 i-aquel fuxir xogando d’anduriña!

 Cantade ao sol i-ao mar, porque podedes,
 vos os que arades i-os que tendes redes.
 Qué aguinaldo dou Dios aos da Mariña! 


                      III

 Variña d’avelairo, pra ti fora
 cativo o bronce i-a palabra escura.
 noiva a tecer damascos de ternura,
 nai, santa nai que canta cando chora!

 Nácech’o sol nos ollos a cadora,
 enterrouse en ti o sol hastr’á centura!
 Boca pra un anxo, ai Deus, guinda madura!
 Ai Deus, surrisa aberta com’a aurora!

 Sal do poema xa, céibate á ría
 da Vida, corpo enteiro da alegría,
 pés voandeiros, corazón sin lixo!

 Así, sin versos, para qu’eu te queira,
 ti, nascida dun sono, betanceira,
 com’a permeira estrela que Dios fixo!


Nos Xogos Florais de 1952 a temática obrigatoria foi a solemne e entusiasta louvanza do noso soado viño, ledo e xalgareteiro como unha muiñeira. Álvaro Cunqueiro foi o encargado de abrir o acto de entrega de premios deste certame, no que don Ramón Otero Pedrayo figuraba como mantedor.

Ramón Otero Pedrayo coa Raíña dos Xogos, Elena García-Sabell, 
os alabardeiros e as danzas de mareantes na Porta da Vila, Betanzos, en 1952

No hay comentarios:

Publicar un comentario