14/6/14

PAIXÓN E COMPROMISO

Quinta curtametraxe do proxecto "Primeiros Versos". Baseada nun poema da sempre lembrada Luísa Villalta.



Andrea Mayor foi a encargada de facer a súa presentación:
Cando se cumpriu a décima edición do certame literario “Luísa Villalta”, realizamos un documental homenaxe á antiga profesora do noso centro baixo o título “Luísa Villalta: paixón e compromiso” xa que consideramos que ambas as dúas palabras representan moi ben o que Luísa significou e segue a significar para todos nós: a paixón polas letras, pola música, pola cultura galega, e o compromiso coa Terra, coa xente... co País. Todo un exemplo. Seleccionamos un poema recollido na obra “Papagaio”: poemas de Luísa e fotografías de Maribel Longueira. Un poema moi significativo dende o noso punto de vista. Fala de amizade e de destrución; dun entorno marxinal e dunhas persoas marxinadas. Adrián e mais eu mesma puxemos a música, o violín, o instrumento que ela tocaba; Ana Naya a súa voz feiticeira; Maribel Longueira as fotografías da destrución do emblemático barrio coruñés, e as de fondo, unha vez máis, as dependencias abandonadas do noso centro educativo para poñer de manifesto as veces que sexan necesarias o pouco interese que os gobernantes teñen na aposta decidida e firme por un ensino público de calidade. O documental de referencia sobre Luísa Villalta foi premiado no certame audiovisual “OLLOBOI 2014” dentro da categoría de vídeo orixinal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario