6/7/14

NOVA PÁXINA: "MATERIAIS PARA SELECTIVIDADE"

    Xorde esta nova sección para lle facilitar ao alumnado de 2º de bacharelato o acceso aos materiais de utilidade para a preparación da proba de Lingua Galega e Literatura de acceso á universidade (selectividade).

     O primeiro documento que achego son as indicacións sobre a estrutura do exame de selectividade e os criterios de corrección das ditas probas:

ESTRUTURA XERAL DA PROBA DE SELECTIVIDADE DE LINGUA GALEGA E LITERATURA

I. Competencia comunicativa 5 puntos
a) Comprensión textual 2 puntos (2 preguntas de 1 punto)
b) Produción textual 3 puntos (1 pregunta)
II. Contidos específicos da materia 5 puntos
c) Lingua e gramática 2 puntos (2 preguntas de 1 punto)
d) Sociolingüística 1 punto (1 pregunta)
e) Literatura 2 puntos (1 pregunta)

I. Consideracións relativas á parte de competencia comunicativa
Trátase de avaliar a competencia comunicativa do/a alumno/a, na súa dupla dimensión de comprensión e produción de textos. Consonte o determinado polas propias directrices do DCB da materia, é “obxectivo fundamental” dela “a adquisición e mellora da competencia comunicativa, entendida esta como unha competencia ampla que lle debe reportar ao alumnado a capacidade para usar a lingua (tanto no nivel produtivo coma receptivo e interaccional) nas diversas esferas da actividade social e individual”.

a) Comprensión textual (preguntas 1 e 2)
Formularanse dúas cuestións breves —cunha valoración de 1 punto cada unha— sobre algún aspecto de interpretación e análise do texto proposto, na liña das que a continuación se indican a modo de exemplo:
·      Resumo breve do texto ou dunha parte del.
·      Estrutura do texto.
·      Ideas principais e secundarias.
·      Intencionalidade do texto. O alumado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía.
·  Opinión do autor sobre algún aspecto que se indique. Tamén aquí o alumnado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía.
·      Significado concreto no texto dalgunhas palabras ou expresións contidas nel.

b) Produción textual (pregunta 3)
Pediráselle ao alumno/a que constrúa un texto persoal cunha extensión aproximada de 200-250 palabras sobre un tema proposto, relacionado dalgún xeito co contido do texto do exame. Nesta pregunta valorarase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado e adecuado á situación comunicativa. A cualificación da pregunta (3 puntos) desagregarase en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

b.1 Construción textual: 1 punto. Valorarase:
·      A adecuada selección da información, coa presenza daquela que sexa pertinente e necesaria para que o texto resulte comprensible. Terase en conta a capacidade para evitar clixés, estereotipos, lugares comúns e ideas excesivamente previsibles, así como unha orixinalidade gratuíta e afastada do contido do texto da proba.
·      A coherencia discursiva. A sucesión de enunciados do texto debe presentar continuidade temática e progresión informativa. Non debe ademais introducir contradicións.
·      A organización da información: estruturación do texto (p. ex., introdución, desenvolvemento e conclusións), argumentación e organización en parágrafos.

b.2 Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase:
A capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Terase en conta o manexo apropiado dos rexistros da lingua nas escollas lexicais e nas construcións gramaticais. O texto deberá evitar polo tanto trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados, así como aqueles que amosen un requintamento afectado. En definitiva, valorarase o bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais coma léxicos.

b.3 Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase:

·      O correcto dominio da ortografía e os signos de puntuación, así como a gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

·      A elaboración de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada suporá unha diminución proporcional da valoración global da pregunta.


II. Consideracións relativas á parte de contidos específicos da materia
c) Lingua e gramática (preguntas 4 e 5)
Formularanse dúas preguntas breves sobre contidos de:
·          fonética
·          fonoloxía 
·          morfoloxía
·          sintaxe
·          semántica
·          lexicoloxía
·          dialectoloxía
As preguntas gramaticais poderán conter algunha cuestión de gramática comprensiva, como xa aconteceu en exames anteriores (vid. tamén o modelo de exame e os criterios de corrección dese exame modelo incluídos nesta mesma páxina). Nelas comprobarase a capacidade do alumnado para explicar as diferenzas no uso dunhas ou outras construcións gramaticais.
Como vén sendo habitual, na resposta a estas preguntas poderá empregarse calquera das terminoloxías lingüísticas existentes, sempre que se faga de maneira coherente.

d) Sociolingüística (pregunta 6)
Formularanse dúas preguntas (das que o/a alumno/a deberá responder só unha) que versarán sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A sociolingüística”. As posibles preguntas, que corresponden literalmente co enunciado dos temas tal e como figuran neste documento, son:
1.- As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.
2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.
3.- Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
4.- O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
5.- O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
6.- O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras.
Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.
e) Literatura (pregunta 7)
Formularanse dúas preguntas (das que o/a alumno/a deberá responder só unha) que versarán sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A literatura”. A pregunta será necesariamente unha das seguintes:
1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.
2.- A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.
3.- A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).
4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.
5.- A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36,a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais.
6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).
7.- A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.
8.- O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.
10.- A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.
11.- A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.
12.- O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.
Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
·  Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias,iniciativas, tendencias, etc.
·   Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
·  Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. 

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

Observacións comúns para as preguntas 6 e 7:
1) Nestas dúas preguntas ofreceranse dúas posibilidades para que o alumnado realice unicamente unha delas. Estas dúas posibilidades serán as mesmas nas Opcións A e B do exame. Deste xeito poderá escollerse unha ou outra opción sen que inflúan as preferencias nas preguntas de sociolingüística e de literatura.
2) A pesar de que as preguntas 6 e 7 serán formuladas sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase a elaboración dun texto persoal, e non dunha reprodución puramente memorística.

Consideracións relativas á corrección lingüística:
De igual maneira que se veu facendo nestes anos pasados, valorarase a corrección lingüística do exame. Os erros poderán descontar até un máximo de 2 puntos sobre a cualificación global. O cálculo levarase a cabo segundo a seguinte clasificación:
Moi graves: solucións que son alleas ao sistema lingüístico do galego, como tempos compostos, mala colocación do pronome persoal átono, etc. Descontaranse 0,2 puntos por cada un.
Graves: solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y, etc.) e acentuación diacrítica. Descontarase 0,1 punto por cada un.
Leves: solucións galegas alleas ao estándar vixente e acentuación non diacrítica. Descontaranse 0,05 puntos por cada un.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3 xa que, tal como se indicou, na propia valoración da pregunta está incluída a avaliación da corrección lingüística do texto producido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario